You are hereActividades / Rutas de sendeirismo
Rutas de sendeirismo
Só se coñece ben o que se recorre a pé. Os antigos camiños, sendeiros, corredoiras e vías pecuarias que serviron ó longo dos séculos para desprazarse son un legado dos nosos antepasados que debemos conservar.
O sendeirismo é un bó pretexto para manter, recuperar e recorrer esa rede viaria que, cruzando as serras de aldea en aldea, permitiranos valorar a excelencia da natureza, descubrir testemuñas da historia e atoparnos coa nosa cultura.
RUTA XERAL

Formada polas rutas das lagoas, os cumios, os pinos, o río e o encoro, cunha lonxitude de 200 km. Constitúe un sendeiro case perimetral do concello, e nela conflúen toda unha rede de sendeiros que se inician en distintos pobos, o que nos permite continuar dita ruta ou voltar ó punto de partida.
RUTA DE "A CÁNTARA DA MOURA"
Partindo de A Veiga, en dirección ó pobo de Corzos, típico de alta montaña no que as vivendas foron construídas sobre rochas, atopamos o lugar "A Cántara da Moura", así chamado polas súas fermosas e numerosas covas, nas que contan que se perde o río Corzos.
Seguindo esta ruta chegamos ó pobo de Castromao, onde é de obrigada a visita ó seu castro e igrexa.
Puntos de partida e chegada: A Veiga - A Veiga
Recorrido: A Veiga - A Cántara da Moura - Corzos - Castromao - A Veiga
Dificultade: media-alta (accidentada orografía)
Lonxitude: 18 km aproximadamente
Duración: 6 horas aproximadamente
Conexións: coa ruta de "As Carballeiras Centenarias"
Material: calzado cómodo para unha xornada prolongada por terreo mixto (herbáceo, de terra e de asfalto). Recoméndase levar roupa de abrigo para o interior da Cántara da Moura.
RUTA DE "AS CARBALLEIRAS CENTENARIAS"
Saíndo da ponte de A Veiga ascendemos pola estrada de Valdín, atravesamos este fermoso pobo e chegamos ata onde finaliza o término municipal de A Veiga e comeza o de Porto (Zamora). Esta ruta comeza a unha altitude de 840 metros e finaliza a 1.655 metros de altitude, en torno a ela poden contemplarse belezas naturais e arquitectónicas.
Puntos de partida e chegada: A Veiga - Valdín
Recorrido: A Veiga - Corzos - Valdín - Forno dos Mouros - Fin de ruta no límite con Zamora
Dificultade: media-alta (accidentada orografía)
Lonxitude: 18 km aproximadamente
Duración: 6 horas aproximadamente
Conexións: coa ruta de "A Cántara da Moura"
Material: calzado cómodo para unha xornada prolongada por terreo mixto (herbáceo, de terra e de asfalto).
RUTA DA RESERVA DE CAZA MAIOR DE XARES
É unha ruta perimetral a esta reserva, na que podemos ver venados, corzos, xabariles, cabras montesas e muflóns, entre outros. Pasamos pola Lagoa do Sextil, para chegar, seguindo a ruta xeral polo Alto da Corraliza, ata a Lagoa de Ocelo e regresar ó pobo de Xares onde visitaremos a súa igrexa.
Puntos de partida e chegada: Xares - Xares
Recorrido: Xares - Lagoa do Sextil - Alto da Corraliza - Lagoa de Ocelo - Xares
Dificultade: alta (accidentada orografía)
Lonxitude: 20 km aproximadamente
Duración: 7 horas aproximadamente
Conexións: coa ruta de "A Morteira"
Material: calzado cómodo para unha xornada prolongada por terreo mixto (herbáceo, de terra e de asfalto).
RUTA DE "A MORTEIRA"
Esta ruta vai polo centro da reserva de caza maior de Xares, polo inigualable val de A Morteira, e chega ata a Lagoa de Ocelo. Ten unha lonxitude aproximada de 14 quilómetros.
RUTA DE PENA TREVINCA
Saíndo de Vilanova dirixímonos ás antigas minas de wolframio, e antes de chegar a elas collemos un ramal do camiño á esquerda.
Chegamos a Pico Maluro, de 1.933 metros de altitude, dende onde podemos observar unha preciosa vista do macizo de Pena Trevinca.
A continuación ascendemos ata Pena Trevinca (2.127 metros de altitude), atravesando impresionantes paisaxes como o estreito val de Foio Castaño.
O regreso podemos facelo seguindo dúas rutas alternativas:
a) Regresamos seguindo o curso do río Maluro, a Vilanova, punto de saída. Por esta ruta disfrutaremos dunha fermosa vista do Val de Xares de da aldea de Ponte.
b) Descendemos pola zona de O Cabrón e O Diluvio, seguindo o curso do Xares dende o seu nacemento ata a aldea de Ponte, dende a cal, a través dunha pista asfaltada de 4 km, volvemos ó punto de partida, Vilanova.
Puntos de partida e chegada: Vilanova - Vilanova ou Ponte (segundo a variante do regreso)
Recorrido: Vilanova - Pico Maluro - Foio Castaño - Pena Trevinca - (para o descenso hai dúas rutas)
Dificultade: alta (accidentada orografía), en ocasións o camiño desaparece e faise necesario camiñar campo a través
Lonxitude: 14 km aproximadamente
Duración: 7 horas aproximadamente
Material: calzado cómodo para unha xornada prolongada por terreo mixto (herbáceo, de terra e de asfalto), auga abundante, pode ser necesaria roupa de abrigo. Precaución coa néboa.
RUTA DOS MUÍÑOS
Saíndo de A Veiga, esta ruta vai ó longo do cauce do río Xares, cara o seu nacemento en Pena Trevinca. Polo camiño dos pescadores, entre abundante arboleda e paraxes de inusitada beleza, no que atopamos gran cantidade de muíños, algúns aínda en funcionamento. Temos tamén a oportunidade de coñecer os pobos de alta montaña, todos eles de gran encanto pola súa arquitectura popular, Baños e Xares, coas súas igrexas de interés turístico, Ponte, pobo ancestral coa súa casa de "Os Baqueiros", na que podemos ver inscripcións en pedra de probable orixe celta e prerromano.
Dende aquí subimos cara Vilanova, onde podemos observar o val do río Xares. Retornamos polo curso do río Maluro ata o pobo de Edreira, seguimos ata Requeixo, onde visitaremos o Pazo da Condesa de Lamela. Volvemos polo río Xares abaixo, ata A Veiga, polo camiño de ida, deixando á dereita os pobos de San Lorenzo, Prado e Espiño.
A lonxitude desta ruta é de 28 quilómetros.
RUTA DE MEDA
Situados en Meda con dirección a Prada, e partindo pola estrada, tómase o camiño de terra "Canada", á dereita. Despois dunha lixeira subida chégase ó lugar coñecido como "Cumio da Canada", dende onde se pode apreciar un excelente paisaxe, ó fondo o tranquilo encoro, o conxunto complétase con abundante vexetación composta de robles, pinares, prados, terras e varios pobos do concello. Seguindo esta ruta non se tarda en chegar a unha zona onde se respira paz e tranquilidade. Montes de robles e prados forman todo un conxunto que ven se podería chamar "o paraíso de xabariles e corzos". Un pouco máis arriba atópase un cortalumes, seguindo por él pásase por A Portela, Chouzabella e chégase ó pobo de Lamalonga. Neste pobo poderemos admirar o museo de figuras escultóricas en pedra e madeira, obra de Pepe de Barrio. Partindo de Lamalonga polo camiño vello, chégase ó pobo de Curra, baixando en dirección a Meda, aquí atopámonos co lugar de O Fraguizo, do que numerosas lendas contan que "os mouros" habitaron nestos peñascos. Aquí atópase o coñecido "Forno dos Mouros".
A lonxitude desta ruta é de 15 quilómetros.
RUTA DO ENCORO
Bordea o encoro de Prada, pasando polos pobos de Casdenodres, Castromarigo, Candeda, Meda, Prada, Corexido, Vilaboa, Santa Cristina e A Veiga, circuito que pode ser aproveitado para a práctica do cicloturismo.
A lonxitude desta ruta é de 30 quilómetros.